Ayuntamiento de A Coruña

11/05/2026 | Press release | Distributed by Public on 11/05/2026 13:13

Festigual inaugura a exposición dos seus dez anos de historia e encara unha fin de semana co humor como protagonista

Cando:

5 de novembro de 2026

A concelleira Nereida Canosa destacou a cultura como un dereito e reivindicou a accesibilidade como un elemento esencial na planificación das actividades culturais

Festigual inaugura a exposición dos seus dez anos de historia e encara unha fin de semana co humor como protagonista

A mostra, instalada no Fórum Metropolitano ata o 20 de novembro, reúne as obras de Arte con Impacto e recupera momentos, persoas e propostas que marcaron a traxectoria do festival desde 2017

O Festigual continúa celebrando o seu décimo aniversario coa inauguración da exposición conmemorativa '10 anos de Festigual', que abriu esta tarde as súas portas no Fórum Metropolitano. A mostra, que poderá visitarse ata o 20 de novembro, propón un percorrido polas dez edicións do festival e reúne tanto as novas creacións desenvolvidas no marco de 'Arte con Impacto' como materiais, imaxes e testemuñas que reflicten a evolución dun proxecto cultural consolidado como referencia en accesibilidade e inclusión.

O acto contou coa participación de Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade e vicepresidenta da Fundación Emalcsa; de María Arantzazu Escalada Sarabia, directora de Sostibilidade, Relacións Institucionais e Reale Foundation España; así como de representantes das entidades sociais, artistas participantes e responsables da Fundación Emalcsa.

Durante a inauguración, Canosa puxo en valor a cultura como un dereito fundamental: "Inclúe acceder ás propostas culturais e poder participar na súa creación, cos apoios que cada persoa precise". A concelleira defendeu tamén a responsabilidade das institucións públicas para crear as condicións que permitan exercer ese dereito e destacou a importancia de incorporar a accesibilidade desde o propio deseño das actividades culturais.

A exposición ten a súa orixe na convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, da que naceu Festigual como espazo de encontro entre o talento artístico da cidade e a experiencia das entidades sociais. A través das diferentes pezas e materiais expostos, o público pode achegarse non só aos resultados finais, senón tamén aos procesos de creación compartida que caracterizan o festival.

Un dos espazos centrais da mostra está dedicado a 'Arte con Impacto', unha iniciativa desenvolvida co apoio de Reale Foundation que reuniu durante os últimos meses a cinco artistas e cinco entidades sociais da Coruña. As obras presentadas son froito do traballo colaborativo entre Yolanda Dorda e Bolboretas, Lara Pintos e ADCOR, Manuel Suárez e GRUMICO, Jano Muñoz e Ecos do Sur, e Héctor Francesch e APEM. As persoas participantes das diferentes entidades traballaron directamente cos artistas na elaboración das pezas agora expostas.

A mostra inclúe ademais unha escultura co número dez cuberta con 10.000 selos achegados por participantes da convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva, recupera a exposición fotográfica 'Unha mirada á diversidade', do fotoxornalista Óscar Corral, presentada en Festigual 2020, e reúne carteis e imaxes das distintas edicións do festival. O percorrido ofrece tamén unha visión global da dimensión alcanzada por Festigual desde 2017, cun balance de máis de 160 actividades e espectáculos, arredor dun milleiro de artistas, 126 entidades e profesionais implicados e máis de 14.000 persoas participantes. Ademais, este sábado incorporarase á exposición unha intervención da Asociación AÏS co proxecto 'Aquamatrix'.

Canosa subliñou tamén a importancia de trasladar a experiencia de Festigual ao conxunto da actividade municipal e puxo como exemplo o Festival Noroeste Estrella Galicia, que este ano obtivo o selo de calidade Music for All tras incorporar diversas medidas de accesibilidade coa participación da Fundación Emalcsa, entre elas a interpretación en lingua de signos en concertos, o préstamo de mochilas vibratorias e a instalación de bucles magnéticos.

Tras a inauguración da exposición, Festigual continuará a súa programación esta fin de semana coa actuación dos humoristas Marc Buxaderas e Oswaldo Digón, que presentarán este venres no Teatro Colón o espectáculo 'Spasticity and More'. O sábado será a quenda da proposta de cultura urbana Poten100mos no Mercado de Montealto e da colaboración entre a Orquestra Sinfónica de Galicia e Clownssics no Palacio da Ópera. A programación da fin de semana rematará o domingo no Teatro Rosalía de Castro coa representación de 'ON TIME', da compañía Fritsch Company.

Festigual está organizado polo Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, coa colaboración da Fundación María José Jove, Vegalsa-Eroski, Reale Foundation e a Deputación da Coruña, e coa xestión de Culturactiva. A programación desta edición prolongarase ata o 19 de novembro e pode consultarse en www.festigual.gal.

Ayuntamiento de A Coruña published this content on November 05, 2026, and is solely responsible for the information contained herein. Distributed via Public Technologies (PUBT), unedited and unaltered, on November 05, 2026 at 19:13 UTC. If you believe the information included in the content is inaccurate or outdated and requires editing or removal, please contact us at [email protected]