Ayuntamiento de A Coruña

09/15/2026 | Press release | Distributed by Public on 09/15/2026 05:20

A Coruña acollerá a primeira edición de Periscopio, un encontro para reflexionar sobre o papel da intelixencia artificial na cultura

Cando:

15 de setembro de 2026

A Coruña acollerá a primeira edición de Periscopio, un encontro para reflexionar sobre o papel da intelixencia artificial na cultura

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, na presentación de Periscopio.

A Domus reunirá o 2 de outubro a especialistas do ámbito cultural, tecnolóxico e académico nunha xornada profesional organizada pola Fundación Contemporánea xunto co Concello e a AESIA

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación da primeira edición de Periscopio A Coruña, un encontro profesional que se celebrará o vindeiro 2 de outubro na Domus para analizar o impacto da intelixencia artificial nos sectores culturais e creativos. A iniciativa está organizada por Fundación Contemporánea e conta co apoio do Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, e da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).

A xornada reunirá pensadoras, artistas, investigadoras, profesionais da xestión cultural e especialistas en tecnoloxía para abordar un dos grandes desafíos do presente: o papel que debe desempeñar a cultura nun contexto marcado pola expansión da intelixencia artificial. Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou a oportunidade que supón para a cidade acoller esta iniciativa. "A Coruña consolídase como un espazo de referencia para o diálogo entre cultura, innovación e coñecemento. Periscopio permitirá reunir voces de primeiro nivel para reflexionar sobre como queremos que a tecnoloxía se incorpore aos procesos creativos e culturais do futuro", sinalou.

Castro subliñou ademais o compromiso do Goberno de Inés Rey coa innovación cultural. "A Coruña ten demostrado nos últimos anos a súa capacidade para liderar debates de actualidade e atraer encontros profesionais de relevancia estatal. A celebración deste foro reforza a nosa posición como cidade aberta á innovación, pero tamén preocupada polas súas implicacións éticas, sociais e culturais", afirmou.

A programación contará coa participación de figuras destacadas como a escritora e investigadora Remedios Zafra, o director da AESIA, Alberto Gago; o cineasta e artista Chino Moya; o artista e deseñador Alberto Barreiro; o director creativo da Colección SOLO, Óscar Hormigos; e o catedrático da Universidade de Vigo Martín López Nores, entre outros participantes.

O encontro incluirá conferencias, mesas de debate, espazos de traballo colaborativo e sesións de networking. Entre os asuntos que se abordarán figuran as relacións entre cultura e algoritmos, os retos da regulación da intelixencia artificial, os límites éticos da creación automatizada e as oportunidades que ofrecen as novas ferramentas tecnolóxicas para artistas e organizacións culturais.

A xornada completarase cun taller participativo titulado 'Que cultura queremos na era da IA?', coordinado por Silvia Rivela, así como cun espazo de encontros profesionais baixo o formato 'Un café con...', que facilitará o intercambio directo entre especialistas e axentes culturais.

Convocatoria aberta para o hackatón cultural e tecnolóxico

Periscopio A Coruña servirá tamén como punto de partida para o hackatón 'Creadores culturais & tecnólogos', unha iniciativa que reunirá profesionais da cultura e da tecnoloxía para desenvolver prototipos e ferramentas baseadas en intelixencia artificial aplicadas á creación, xestión e difusión de proxectos culturais.

A convocatoria permanecerá aberta ata o 28 de setembro e o programa desenvolverase entre o 2 de outubro e o 16 de decembro. O obxectivo é promover a colaboración interdisciplinar e explorar aplicacións prácticas da IA que poidan incorporarse ao sector cultural.

Ayuntamiento de A Coruña published this content on September 15, 2026, and is solely responsible for the information contained herein. Distributed via Public Technologies (PUBT), unedited and unaltered, on September 15, 2026 at 11:20 UTC. If you believe the information included in the content is inaccurate or outdated and requires editing or removal, please contact us at [email protected]