Ayuntamiento de A Coruña

07/26/2025 | Press release | Distributed by Public on 07/26/2025 03:20

O Concello renovou máis dun quilómetro de colectores da rede municipal de saneamento no que vai de ano

Cando:

26 de xullo de 2025

O Concello renovou máis dun quilómetro de colectores da rede municipal de saneamento no que vai de ano

En paralelo, o Goberno de Inés Rey avanza coa modernización das infraestruturas para a recollida de augas na cidade en puntos como os Cantóns, Barrio das Flores e Sardiñeira, aproveitando as obras en marcha

No que vai de ano, o contrato de conservación e mantemento da rede de saneamento municipal permitiulle ao Concello acometer melloras en máis dun quilómetro de infraestruturas xa existentes no subsolo da cidade, renovando os materiais das tubaxes e facilitando, desta forma, a recollida de augas.

É o balance correspondente a este primeiro semestre de ano, no que o Goberno de Inés Rey actuou en barrios como Monte Alto, o Ensanche, A Zapateira, o Castrillón, Os Mallos, Riazor e Someso, tamén no polígono de Agrela e nos núcleos poboacionais de Feáns e Nostián, co obxectivo de renovar ou substituír colectores para evitar fugas de augas.

No que vai de 2025, este tipo de traballos leváronse a cabo en rúas como Suevia, Marsella, Pintor Villar Chao, as avenidas da Habana, dos Mallos e do Ferrocarril, San Luís, Pedroso e Mendaña de Neyra. E a día de hoxe, séguese a traballar en puntos como Juan Flórez ou o lugar de Nostián. Neste último caso, as obras supoñen un investimento de 230.000 euros.

"O contrato de conservación e mantemento permítenos actuarmos con máis celeridade alí onde hai unha necesidade máis urxente. Nos últimos anos, vimos traballando para modernizar a rede de saneamento sabendo que hai distritos onde as tubaxes son máis antigas ou os seus materiais son máis susceptibles á deterioración, como os colectores de gres", razoou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Neste sentido, a folla de ruta que se está a seguir é a retirada progresiva destas tubaxes para habilitar outras novas, de PVC, máis resistentes e con maior grosor. E, en paralelo, alí onde é posible, tamén se está a promover a ampliación da rede separativa de augas residuais das pluviais, que facilita a súa separación en orixe.

A este respecto, o Concello está a crear novas infraestruturas de saneamento en zonas como os Cantóns, o Barrio das Flores e a Agra dos Mallos. Neste caso, aproveitando a construción da nova vía que conectará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo. "Como xa é habitual nestes casos, antes de pavimentar a calzada da nova vía e habilitar as beirarrúas, instalamos as novas tubaxes de saneamento, que axudarán a facer máis eficiente a rede municipal neste sector do barrio", agregou Noemí Díaz.

Ayuntamiento de A Coruña published this content on July 26, 2025, and is solely responsible for the information contained herein. Distributed via Public Technologies (PUBT), unedited and unaltered, on July 26, 2025 at 09:20 UTC. If you believe the information included in the content is inaccurate or outdated and requires editing or removal, please contact us at [email protected]