Ayuntamiento de A Coruña

04/22/2026 | Press release | Distributed by Public on 04/22/2026 06:03

A Coruña enche os seus espazos culturais de comedia e música contemporánea co inicio do EMHU e o RESIS

Cando:

22 de abril de 2026

A Coruña enche os seus espazos culturais de comedia e música contemporánea co inicio do EMHU e o RESIS

Os teatros Colón e Rosalía de Castro protagonizarán a xornada inaugural

Os espazos culturais da cidade inician este xoves un período de máxima actividade ao comezar dous eventos de máxima repercusión nacional: o Encontro Mundial de Humorismo e o festival internacional de música contemporánea RESIS. Recintos como o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, a praza de María Pita ou o Palacio da Ópera serán as sedes destes dous acontecementos.

"Tanto o RESIS como o EMHU son dous propostas culturais de altísima calidade e repercusión que son apoiadas polo Goberno municipal e viviron unha importante expansión estes últimos anos, o que nos reafirma como capital cultural de Galicia", indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña. No caso do EMHU, este xoves 23 arrinca a primeira das 11 xornadas de espectáculos previstos ata o 3 de maio co espectáculo 'Corta el cable rojo', ás 19.30 e 22.00 horas no Teatro Colón. No caso do RESIS, o concerto inaugural celebrarase no Teatro Rosalía de Castro ás 20.00 horas, coa interpretación de 'Capilla Rothko' por parte de Kea Vocal Ensemble, o coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e Gallaecia Ensemble Barroco.

O EMHU converterá á Coruña na capital nacional do humor

O arranque inicial do EMHU completarase o venres 24 co humor canario de Omayra Cazorla co seu 'Disparate' e unha das citas de entrada libre máis esperadas de cada edición: o 'Match de Impro' protagonizado pola Escola de Impro da Coruña. Ambas as sesións terán lugar en Afundación. A primeira fin de semana elevará a aposta con grandes formatos como a produción propia 'Animus Iocandi' -protagonizada por David Perdomo, Ignatius Farray e Laura Márquez-, a dobre función de 'Pintando a mona xuntos', o show conxunto de Miguel Lago e Roberto Vilar, e o fenómeno de masas 'Estirando el chicle' (que foi recoñecido co Premio EMHU Fenómeno 2022). Carolina Iglesias e Victoria Martín regresan ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar por primeira vez en Galicia, ante máis de 1.600 persoas no Palacio da Ópera, 'Estirando el chicle: el show de Mentira y Traición'. A programación complétase coa estrea en Galicia do novo monólogo de Nanutria.

A partir do martes 28, a actividade multiplícase en diversos escenarios e propostas, como as estreas en Galicia do novo directo de Yunez Chaib ou de 'Estoy como nunca' de La Forte, ata as visitas guiadas á exposición Comedy Wildlife na Sede Afundación. A semana continuará nos Cantones Cines (que se suman por primeira vez como sede) coa proxección de 'Sujétame el cubata' e o coloquio posterior con JJ Vaqueiro, e coa estrea absoluta de 'Caso', de Rober Bodegas.

O venres 1 o Encontro Mundial de Humorismo ofrecerá unha curiosa charla sobre procesos creativos que nacen e desenvólvense en grupos de WhatsApp e na que participarán Luis Piedrahita, Candela Sierra (Premio Nacional de Cómic 2025), Nikki García (a voz de Google Maps), o deseñador gráfico Riki Blanco, a produtora Ximena Feijoo ou Xavi Puig (de El Mundo Today); mentres que a Praza de María Pita acolle o espectáculo infantil 'El velocípedo Mágico'. Esa mesma mañá, e ata o día 3, celebrarase 'Fracaso Calidade', o primeiro curso de clown que ofrece o EMHU e que impartirá o recoñecido Jöns Pappila.

O broche de ouro coincidirá coa ponte de maio, trasladando a actividade a Palexco para as galas multitudinarias 'Humoris Causa' e 'Chisteria Colectiva', con nomes como Eva Soriano, David Amor ou Galder Varas. A recta final incluirá tamén o humor físico de 'Wilbur,' a gravación de 'Torreznos Podcast' con Cocituber e Dani Fontecha, e a poética de Daniele Finzi Pasca con 'Ícaro'. O festival concluirá o domingo 3 coa charla 'Mi media comedia' entre Eva Hache e Malena Alterio e coa gala vespertina 'Fantastic Colofon', conducida por Luis Piedrahita, Eva Hache e JJ Vaqueiro, e na que se entregarán os Premios EMHU 2026 á traxectoria e ao talento dixital para pechar esta sexta edición.

O RESIS consolídase como un festival de referencia e vocación internacional

O RESIS celébrase en diferentes espazos da cidade, ao que hai que engadir dous concertos en Santiago de Compostela e unha programación expandida que chegará ao Círculo de Bellas Artes en Madrid e á Real Academia de España en Roma.

Este ano, o festival rende homenaxe ao compositor estadounidense Morton Feldman (1926 1987) no centenario do seu nacemento. A primeira velada, este xoves 23, tamén inclúe a estrea absoluta de 'Haeresis', nova composición da galega Carme Rodríguez. A figura homenaxeada será tamén a protagonista do concerto de clausura, o sábado 30 de maio, no plató virtual da Cidade das TIC. Alí estrearase, por encargo do festival, a obra 'Entre Feldman', composta por Niño de Elche e Héctor Cavalliaro. O propio Niño de Elche, Arxis Ensemble e a soprano Margarita Rodríguez, baixo a dirección de Armando Merino e cunha videocreación a cargo de Lois Patiño, serán os protagonistas desa espectacular xornada de peche.

Outro dos puntos máis fortes desta edición será a estrea absoluta de 'Undersongs', nova obra de Chaya Czernowin, unha das compositoras máis relevantes do momento, e que será interpretada por Sigma Project. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Josep Planells a Banda Municipal da Coruña baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopis, a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Josep Planells, Luna Celemín e Christian Camino, completan a programación de concertos, que terá como lugares de intervención espazos emblemáticos como a Domus, o Teatro Colón, o Palacio da Ópera e o Museo de Belas Artes (A Coruña) e o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).

A Instalación sonora 'TO HO BOC GE a/v', de Juan Lesta e Marco Maril, é outro dos encargos do festival, moi vinculado á memoria sonora e á paisaxe natural e industrial da cidade, coa antiga bucina de néboa da Torre de Hércules como elemento central. Nesta edición de RESIS, ademais, volveranse desenvolver os seus dous proxectos educativos. A Proxección Sonora, que busca fomentar a participación de persoas con diversidade funcional na creación musical e artística en colaboración con asociacións locais como ASPRONAGA e FAXPG, incluirá este ano a instalación AQUA MATRIX, arredor do percorrido da auga na Coruña.

Ayuntamiento de A Coruña published this content on April 22, 2026, and is solely responsible for the information contained herein. Distributed via Public Technologies (PUBT), unedited and unaltered, on April 22, 2026 at 12:03 UTC. If you believe the information included in the content is inaccurate or outdated and requires editing or removal, please contact us at [email protected]