Ayuntamiento de A Coruña

01/27/2026 | Press release | Distributed by Public on 01/27/2026 11:31

O Palacio Municipal de María Pita acolle unha mostra do artista Francisco Torrón, que percorre os grandes traballos da súa traxectoria

Cando:

27 de xaneiro de 2026

O Palacio Municipal de María Pita acolle unha mostra do artista Francisco Torrón, que percorre os grandes traballos da súa traxectoria

O coruñés compaxinou a súa carreira como pintor e escultor xunto coa de restaurador do Patrimonio Nacional no Palacio Real de Madrid

O Palacio Municipal de María Pita acolle desde hoxe a mostra 'Escoitar o mar. Retrospectiva do artista Francisco Torrón', que repasa a carreira deste coruñés, que compaxinou a súa creación pictórica e escultórica coa de restaurador do Patrimonio Nacional no Palacio Real de Madrid. O acto estivo presidido por Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, e contou coa presenza de Pablo Torrón Pelluz, neto do artista e comisario da exposición.

"Un dos obxectivos da nosa alcaldesa, Inés Rey, é dar a coñecer o traballo e o legado dos artistas coruñeses, cedéndolle a eles ou ás persoas que promoven dito coñecemento as nosas salas expositivas, buscando que o seu nome e a súa obra cheguen ao máximo número de persoas posible", indicou Castro. Esta exposición destaca as súas etapas máis sobranceiras e as súas temáticas predilectas: o bodegón, o retrato, a paisaxe e o vínculo coa súa cidade natal.

Desde moi cedo, a vida do artista Francisco Torrón estivo condicionada por un feito decisivo: durante a súa nenez padeceu meninxite e, a causa do atraso na chegada dos tratamentos durante a Guerra Civil española (1936-1939), perdeu a audición de maneira irreversible. Neste escenario, a arte pasou a ocupar un lugar esencial, transformándose na súa vía de escape e na gran vocación que o acompañaría sempre.

Posteriormente, na década dos corenta, iniciou a súa formación pictórica coa artista galega Mª del Carme Corredoyra, continuando na Escola de Artes e Oficios Eusebio da Guarda da Coruña. Proseguiu en 1954 na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando de Madrid, coincidindo con compañeiros como Xaime Quesada, Isabel Quintanilla ou Antonio López; e mestres como Luis Mosquera, os irmáns Zubiaurre, Eduardo Capa e Joaquín Valverde, entre outros. A súa aprendizaxe tivo lugar nunha España aínda marcada polo academicismo imposto da posguerra, aínda que co xurdimento de novas correntes como o informalismo e o realismo madrileño nos anos cincuenta e sesenta, que influíron na súa obra e na doutros artistas.

Francisco Torrón compaxinou a pintura e a escultura coa súa labor como restaurador do Patrimonio Nacional no Palacio Real entre 1961 e 1997, onde fundou o departamento de restauración de escultura. O seu traballo valeulle importantes recoñecementos como a medalla da UNESCO (1987) ou a do Mérito Civil (1994). Por outra banda, con máis de cincocentas obras catalogadas, parte delas en museos, igrexas e coleccións privadas, foi nomeado académico en 2007 pola Real Academia Galega de Belas Artes na Coruña.

A exposición permanecerá aberta na sala de exposicións municipal de María Pita ata o vindeiro 12 de marzo. A entrada é libre ata completar capacidade.

Ayuntamiento de A Coruña published this content on January 27, 2026, and is solely responsible for the information contained herein. Distributed via Public Technologies (PUBT), unedited and unaltered, on January 27, 2026 at 17:31 UTC. If you believe the information included in the content is inaccurate or outdated and requires editing or removal, please contact us at [email protected]