01/20/2026 | Press release | Distributed by Public on 01/20/2026 08:10
20 de xaneiro de 2026
O Palacio de Capitanía acolleu hoxe a presentación do cume sobre a REAIM
O Concello colabora cos ministerios de Exteriores e Defensa na organización do evento, presentado esta mañá no Palacio de Capitanía. A cidade herculina substitúe a La Haya e Seúl nesta nova edición
A Coruña acollerá a terceira edición do cume mundial do Uso Responsable da Intelixencia Artificial no Ámbito Militar (REAIM), unha iniciativa impulsada polos Ministerios de Exteriores e Defensa coa colaboración do Concello, e que se desenvolverá na cidade herculina entre os días 4 e 5 de febreiro.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage, representou o Goberno municipal no acto de presentación convocado esta mañá no Palacio de Capitanía, onde o voceiro do Executivo local puxo en valor "o firme compromiso amosado pola Coruña coa innovación, a ética tecnolóxica e a gobernanza responsable da IA".
O cume da REAIM, que prevé a asistencia de 25 delegacións internacionais e máis de 600 congresistas no Palexco, lévase a cabo en coordinación cos gobernos de Países Baixos e da República de Corea, que en edicións previas acolleron as primeiras edicións deste evento. Concretamente, en La Haya e Seúl. Agora, A Coruña substitúeas no histórico de urbes organizadoras desta cita, na que está prevista a participación de diversos representantes gobernamentais, organizacións rexionais e internacionais, do sector industrial, o mundo académico e a sociedade civil.
"Vivimos un momento no que a IA está a transformar todos os sectores da nosa sociedade. Tamén é unha realidade no ámbito militar, onde a súa aplicación formula interrogantes profundos en materia de seguridade, gobernanza e valores compartidos. Por iso é tan importante este cume: porque nos reúne para dialogar, escoitar e acordar marcos comúns que garantan un uso seguro, ético e plenamente aliñado co dereito internacional", expresou Lage na súa intervención, subliñando que "A Coruña quere contribuír a ese obxectivo coa convicción de que a tecnoloxía debe estar sempre ao servizo das persoas".
No acto, ademais do edil, tamén tomaron parte a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce; o presidente da Deputación da Coruña, Valentin González Formoso; e o director xeral do Centro de Sistemas y Tecnologías de la lnformación y las Comunicaciones (CESTIC), o tenente xeneral José María Millán Martínez.
A realización do cume na Coruña conta tamén co apoio do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública a través da AESIA.
A información do cume, dispoñible na web do Ministerio
O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea y Cooperación creou a páxina web oficial do cume, onde está dispoñible toda a información sobre o evento.
Os contidos, expostos en castelán e inglés, constitúen unha ferramenta de grande utilidade para todas as persoas interesadas en facer un seguimento detallado do que acontecerá no Palexco. O programa do cume pode consultarse a través desta ligazón.